UDI Tiruchy ― 1998-2000

Tiruchirapalli (Tiruchy) está situada no estado de Tamil Nadu. A cidade rolda os 750.000 habitantes e a área metropolitana ten algo menos de 2.500.000. No proxecto traballouse coa poboación de 12 suburbios. O programa abrangue tódolos sectores e problemas da comunidade, pero pon énfase na superación da discriminación das mulleres: é o chamado enfoque de xénero.

SANIDADE
O programa sanitario céntrase en aumentar a sensibilización e mellorar así as condicións sanitarias da poboación. Isto conséguese por medio de:

      • educación sobre hixiene e coidado do medio
      • asistencia e coordinación programas sanitarios xunto cos servicios gobernamentais
      • énfase na desintoxicación de persoas alcohólicas
        • rehabilitación das persoas con discapacidades para que aumente a súa confianza e poidan mellorar a súa vida.

En cada suburbio unha traballadora sanitaria comunitaria e dúas/dous voluntarias/os sanitarias/os comunitarias/os ocúpanse das campañas de sensibilización: sobre saúde reproductiva e coidado infantil, sobre enfermidades contaxiosas, sobre coidados pre e post natais e sobre nutrición. A través destas campañas, se deriva a quen o precise a hospitais públicos para tratamento e se procura o aumento da implicación dos homes nos temas sanitarios.

       Na escola de tránsito, nenas
       e nenos traballadores
       recuperan o tempo perdido

EDUCACIÓN
PDI propuxo continuar o seu programa educativo nos centros de aprendizaxe comunitarios, especialmente enfocado ás nenas e nenos que acoden á escola: reciben clases de apoio cada día xa que o seu rendemento escolar vese moi prexudicado polas súas condicións familiares e económicas. A maioría da mocidade dos suburbios deixa os estudios por diversas razóns socioeconómicas, polo que o programa tamén proporciona oportunidades para que continúen a súa educación.

A alfabetización de mulleres é fundamental e vai ligada a outros programas, como o de capacitación e o de grupos de autoaxuda.

ENTORNO E MEDIO AMBIENTE
O programa pretende implicar á comunidade na xestión do seu entorno para que as iniciativas perduren, crear máis zonas verdes no suburbio para que o medio sexa máis saudable, aumentar a participación dos homes no desenvolvemento ambiental do suburbio e organizar clubes ambientais infantís nas escolas municipais para darlles posibilidades de que compartan os seus coñecementos coa comunidade.

En cada suburbio contamos con voluntariado que coordina os traballos de infraestructura co goberno. As campañas de sensibilización céntranse no saneamento e a recollida de lixo, pero tamén se fomenta o cultivo de hortos propios.

As hortas familiares axudan a mellorar a
alimentación e máis o entorno.

AFORRO E MICROCRÉDITO
Para loitar contra o grande endebedamento da maior parte da comunidade seguimos estas estratexias:

  • inculcar o hábito do aforro entre o grupo (sistema de empréstito cunha estructura democrática)
  • proporcionar acceso ao crédito
  • diminuír a explotación dos usureiros
  • establecer un programa perdurable no que se aprenda a xestionar as operacións financeiras
         Unha beneficiaria posa na súa nova
         tenda.

Neste programa as mulleres dos grupos de autoaxuda, organízanse en xuntanzas democráticas, xestionan os cartos aforrados e se conceden créditos a baixo interese para iniciativas persoais e profesionais. Deste xeito aumenta a súa implicación na vida da comunidade e o recoñecemento social. A riqueza creada permanece na comunidade e aumenta a medida que se van devolvendo os créditos, garantindo así a perdurabilidade dos programas.

CAPACITACIÓN E XERACIÓN DE INGRESOS
A razón principal da dependencia do sector non organizado é a falta de formación profesional. Por iso IND ten programas de mellora das capacidades baseados nas necesidades do mercado e a promoción do autoemprego, a introducción de programas de capacitación e o apoio á comercialización dos productos realizados pola mocidade e as mulleres dos suburbios.