Karaikal ― xaneiro 05 – novembro 05
|
Algunhas poboacións quedaron
completamente destruídas. |
Hai xa case un ano da tsunami que devastou as costas de 8 países do Surleste Asiático. Tamil Nadu foi o estado máis afectado da India. A nosa contraparte PDI, co apoio de IND, comezou labores de emerxencia no distrito de Karaikal.
Inmediatamente despois da tsunami, desprazouse persoal especializado desde Tiruchy para planificar a axuda de emerxencia. Despois de analizar o terreo e falar coas autoridades, seleccionouse a zona de Karaikal, concretamente 12 aldeas, onde hoxe continúan as accións de apoio psicolóxico e rehabilitación económica que son neste momento as necesidades máis importantes do proxecto. A vivenda é, por suposto, unha necesidade primordial pero o goberno xa comezou a designar terras e cremos que o noso papel é realizar o seguimento dos compromisos gobernamentais, non suplir o seu papel.
ACTUACIÓNS INICIAIS
Durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo, distribuíronse alimentos a través de cociñas comunitarias, apoio psicolóxico, atención a nenas e nenos e outras axudas puntuais (acompañar a mulleres embarazadas a revisión, supervisión do estado sanitario, etc). Durante esta fase tamén se proporcionou refuxio temporal ás familias afectadas na zona.
|
Dous cociñeiros traballan na
cociña
comunitaria. |
Máis en concreto, a aldea de Venttekarantheru (200 persoas) desapareceu totalmente e a poboación estaba acollida nunha pequena escola municipal. PDI fíxose cargo do campamento e habilitou un refuxio temporal en coordinación coas autoridades locais, que cederon un terreo e máis espazo para poder construír vivendas permanentes. Dende o 28 de xaneiro, o refuxio temporal acolleu a 65 familia, cun espazo común para actividades.
A partir do 6 de febreiro, estableceuse una cociña comunitaria onde se distribuíu comida quente tres veces ao día. A autoridade rexional de Karaikal proporcionou bombonas de gas e arroz de balde. Os habitantes doutra aldea afectada tamén pediron outra cociña comunitaria, que se instalou do 1 ao 30 de marzo.
Deuse especial atención ás nenas e nenos do campamento, que estaban terriblemente afectadas/os pola catástrofe. Un traballador desprazouse ao campo de xeito permanente para supervisar a cociña e pasar algo de tempo xogando coas nenas e nenos e alfabetizando a algunhas mozas.
As distintas comunidades solicitaron refuxios temporais e que se organizase actividades de rehabilitación social. Tamén pediron espazos nas aldeas onde se puidesen impartir clases e prestar atención a nenas e nenos. Habilitáronse 9 espazos.
|
As mulleres embarazadas sufriron moi
duramente as consecuencias da tsunami. |
Apoio psicolóxico
Contratáronse catro conselleiras para o proxecto que durante as primeiras semanas se encargaron de identificar as áreas de traballo e crear confianza coa comunidade.
Tamén se formou a 25 alumnas/os de Traballo Social da universidade de Karaikal en apoio psicolóxico e participaron nos labores de atención das persoas afectadas nas aldeas.
Atención sanitaria
Prestouse especial atención ás mulleres embarazadas, xa que moitas delas caeran ou as levara a auga durante a tsunami. Deriváronse aos hospitais e centros sanitarios para revisión, para o que se organizou o transporte e as citas cos médicos, baixo o seguimento do persoal de PDI.
Os obxectivos da actuación de emerxencia e rehabilitación son:
- Crear sensación de seguridade entre a comunidade coa presenza dun grupo que está aí para apoialos.
- Orientar á comunidade para que poida retomar a súa vida de xeito pacífico a pesar da perda provocada pola tsunami.
- Apoiar a nenas e nenos nos seus estudos como un xeito de volver á normalidade e de crear un entorno onde se poida proporcionar apoio psicosocial.
- Transmitir as capacidades necesarias ás mulleres para que poidan comezar actividades económicas.
- Asistir á comunidade nas súas necesidades sanitarias a través dun sistema de derivación.
|
Recuperar a normalidade para as nenas e
nenos é unha das prioridades. |
Atención á infancia
En todas as aldeas organizáronse clases de apoio nas que as nenas e nenos reciben axuda cos estudos e asistencia nutricional e psicolóxica. As clases son pola tarde e unha vez por semana repártense legumes como complemento nutricional. Tamén se entregaron materiais de xogo e educativos.
Esta actividade é moi apreciada: as nenas e nenos acoden regularmente e quedan ata as 8 da tarde
En abril e maio houbo un campamento de verán con actividades educativas para axudar ás/ós pequenas/os a saír do trauma. Asistiron 99.
Organizouse tamén unha excursión a Tanjore, o distrito veciño no que se atopa un dos templos máis famosos de Tamil Nadu. Acudiron 102 nenas e nenos.
REHABILITACIÓN SOCIO ECONÓMICA
|
Un grupo de mulleres recibe materiais
para iniciar a súa andaina empresarial. |
Rehabilitación e desenvolvemento das mulleres
Desde o comezo dos labores de emerxencia PDI e IND prestaron especial atención á situación específica das mulleres. Consideramos que a súa participación nos procesos de reconstrución e rehabilitación non se estaba canalizando de maneira axeitada e polo tanto centramos os nosos esforzos no empoderamento e rehabilitación psicosocial das mulleres.
Durante as actividades de emerxencia iniciais, a cuestión do xénero e os problemas do alcoholismo se nos presentaron como dous puntos ineludibles na rehabilitación da comunidade. Para isto organizouse un programa de sensibilización mediante teatro de rúa en todas as aldeas.
Tamén se crearon grupos de aforro en todas as aldeas: ata o momento hai 17 grupos con 304 participantes.
|
| Roupa tendida a secar no refuxio temporal |
Capacitación e xeración de ingresos
Desde un principio, as mulleres expresaron o seu desexo de adquirir novas capacidades laborais. Organizouse un curso de capacitación laboral para elaboración de incenso en conos e barras e perfume, no que participaron 21 mulleres. 13 delas recibiron apoio económico para comezar os seus negocios.
Tamén se organizou unha xornada de formación sobre “Vínculos creditarios con bancos” na que se falou sobre como conseguir crédito para os grupos. Ata o mes de novembro os grupos xuntaron 2.189,09 euros.
As interaccións coas beneficiarias destes programas e outras mulleres da zona levou á conclusión de que cumpría crear centros de formación, e finalmente se estableceron en tres das doce aldeas.
Tamén nos preocupamos pola reactivación económica da mocidade. A comunidade expresou o seu interese e necesidade de aprender informática, cousa que lles é economicamente inaccesible. Por iso, estableceuse un centro de aprendizaxe con ordenadores e persoal de formación.
Tamén se decidiu apoiar a cada grupo de aforro para que establecesen unha pequena empresa. Ademais, todas as mulleres que recibiron formación tiveron a posibilidade de acceder a fondos para comezar os seus negocios.
A medida que aumentaban os grupos creados, decidiuse federalos para facilitar a coordinación de actividades.
Convidouse a un experto que deu unha charla informativa, seguida dunha sesión de chuvia de ideas. As directivas dos grupos decidiron crear unha federación. O proxecto transferiu 2.040 euros á federación, que será responsable de coordinar todos os grupos.
|
Reunión organizativa dun grupo do
persoal do proxecto. |
CAPACITACIÓN DO PERSOAL
Durante a realización das actividades quedou patente a necesidade de dar formación específica ao persoal do proxecto e polo tanto organizáronse diversas xornadas con diferentes temas que se ven de seguido
- Formación de grupos de mulleres
- Formación en apoio psicolóxico
- Formación xénero
- Formación en comunicación
PLANIFICACIÓN FUTURA DA INTERVENCIÓN
Despois desta primeira fase de intervención de 11 meses, PDI propuxo continuar traballando na zona afectada e IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO decidiu apoiar o programa de maneira autónoma durante o seguinte ano.
|