| O local de IND Dende o pasado mes de outubro, IND ten por fin un local de seu en Vigo. Este local sigue, en parte, o espíritu do Centro Crisol, que puxéramos en marcha coa ONG Amarante, coa intención de satisfacer a necesidade da meirande cidade galega dun espazo para a solidariedade, só que no novo local darase máis prioridade ás actividades de formación e sensibilización que ao comercio xusto.

Festa de inauguración do novo local
Situado no número 49 da rúa Camelias, na escaleira que comunica coa rúa Romil, o local ten unha dobre función: é unha tenda na que se pode mercar algúns produtos de comercio xusto, material de IND e, moi pronto, os produtos fabricados polas mulleres dos grupos de aforro dos nosos proxectos e un centro de recursos sobre solidariedade e desenvolvemento. Nesta última función, acolle numerosas actividades como exposicións, relatorios, cine-forum, cursos de formación, mesas redondas, recitais de poesía, coloquios e mesmo campañas de degustación de produtos de comercio xusto. Ademais ofrece información e recursos (publicacións, folletos, libros, revistas...) gratuítos para o público en xeral.
Dentro desta segunda faceta, destacamos:
-
A biblioteca sobre solidariedade e desenvolvemento: un espazo no que atoparedes publicacións de todo tipo sobre temas de interese no mundo da cooperación, como o microcrédito, o comercio xusto, o xénero, as relacións Norte e Sur, a globalización... Podedes sentarvos a ler no espazo reservado para esa fin no local tomando un cafeciño ou unha infusión de comercio xusto a módico prezo ou levar os libros en empréstito, para o que cómpre asociarse á biblioteca. Tamén podedes levar o portátil e facer uso da conexión wi-fi gratuíta para as socias e socios da biblioteca.
-
Os clubs de lectura: os clubs (que xa comezaron en Lugo o ano pasado, en colaboración coa Cova da Terra) e pretenden provocar a reflexión sobre problemas que afectan ao mundo no que vivimos, tales como a inxustiza, a pobreza, a desigualdade, etc, a través da situación presentada nunha obra literaria.
Cada trimestre lese un libro e realízase unha xuntanza participativa no local de Implicadas, na que o libro é o pretexto para falarmos entre todas e todos sobre o tema que nos ocupa.
A análise do libro faise sobre o seu contido e non sobre a súa calidade literaria. Non pretende ser un foro de persoas expertas, senón de persoas que soñan cun mundo diferente, máis xusto e solidario. En cada xuntanza contaremos cunha convidada ou convidado especial que teña algunha relación cercana co libro ou a súa temática.
-
Materiais promocionais de IND e, segundo o momento, outras organizacións como a Marcha Mundial das Mulleres, a campaña Pobreza Cero, a Coordinadora Galega de ONGD, etc.
|
|
|